A Xunta colabora co Concello de Quiroga na recuperación do tramo da estrada municipal entre Soldón e Vilarmel, derrubado o pasado martes como consecuencia das intensas choivas. Esta vía, de titularidade municipal, constitúe o único acceso rodado aos núcleos de Paradapiñol, Rugando, Cereixido e Vilarmel, polo que a súa reparación foi considerada prioritaria desde o primeiro momento.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse á zona acompañado polo alcalde, José Luis Rivera, para avaliar as posibles solucións e determinar os pasos inmediatos. Ambos responsables coincidiron na necesidade de actuar con rapidez para devolver a operatividade ao treito afectado, duns dez metros de lonxitude. Mentres non se executan as obras definitivas, habilitouse un paso provisional que garante o acceso ás catro aldeas en caso de necesidade.
Arias destacou a importancia da colaboración institucional para afrontar incidencias que afectan directamente á veciñanza. Lembrou tamén o apoio prestado recentemente pola Xunta no operativo de rescate das xovencas que caeron por un barranco de difícil acceso en San Xián de Ínsua, subliñando a importancia da coordinación entre administracións ante emerxencias..•





