A Xunta de Galicia amplía ata os 60 millóns o plan formativo para persoas desempregadas

Galicia rexistrou en abril os mellores datos de emprego e afiliación á Seguridade Social desde que existen rexistros. A comunidade pechou o mes con 1.103.820 persoas afiliadas, o que supón máis de 16.000 cotizantes por riba das cifras de hai un ano. Ao mesmo tempo, o número de persoas desempregadas baixou ata as 112.293, cun descenso interanual superior ás 3.200 persoas.
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, destacou que os datos consolidan unha evolución positiva do mercado laboral galego, cun comportamento favorable tanto na comparativa anual como mensual. O paro reduciuse nas catro provincias e en todos os sectores económicos, especialmente na construción, seguida do sector primario, da industria e dos servizos. Tamén se rexistraron mínimos históricos no desemprego feminino e entre os parados de longa duración.
En paralelo á valoración dos datos laborais, a responsable autonómica informou no Parlamento da ampliación do orzamento destinado ás accións formativas dirixidas a persoas desempregadas. A Xunta elevou de 40 a 60 millóns de euros a convocatoria correspondente ás anualidades 2026-2027 debido á elevada demanda rexistrada por parte de entidades e alumnado.
Ata o momento presentáronse solicitudes de arredor de 200 entidades para impartir máis de 700 cursos en 75 concellos galegos. Xa foron autorizadas preto de 500 accións formativas, destinadas a máis de 7.400 persoas desempregadas, aínda que a previsión da administración autonómica é superar as 10.700 beneficiarias coa ampliación do crédito.
As especialidades máis demandadas están relacionadas coa atención sociosanitaria, administración, loxística, docencia, hostalaría, metal e comercio, sectores nos que as empresas galegas presentan maiores dificultades para atopar persoal cualificado. Segundo explicou Lado, o novo modelo formativo aposta por cursos máis flexibles e adaptados ás necesidades reais do tecido produtivo, combinando microformacións de curta duración con certificados profesionais máis extensos e con formación dual obrigatoria.
A directora xeral destacou tamén que a convocatoria do período 2025-2026 acadou os mellores resultados históricos, cunha porcentaxe de inicio das accións superior ao 93 %. •





