
Monforte estivo presente na novena edición de Expocidades, a feira de turismo de proximidade organizada polo Eixo Atlántico e que se celebrou en Amarante. A cidade do Cabe participou cun expositor propio nun encontro que reuniu concellos galegos e portugueses co obxectivo de promocionar os seus recursos culturais, patrimoniais e gastronómicos.
O alcalde, José Tomé, e a tenente de alcalde, Gloria Prada, asistiron ao acto inaugural, no que tamén participaron representantes institucionais de distintos municipios integrados nesta entidade transfronteiriza. O rexedor destacou a importancia de consolidar un modelo turístico baseado na proximidade e na sustentabilidade, apostando pola valorización dos recursos locais e polo equilibrio entre promoción e conservación do territorio.
Tomé sinalou que Monforte leva anos desenvolvendo políticas orientadas a potenciar un turismo ligado á identidade da Ribeira Sacra, facendo fincapé tanto no patrimonio histórico como na oferta cultural e paisaxística da comarca. Lembrou a relevancia da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, cuxa resolución está prevista para o vindeiro mes de xullo.
A feira Expocidades converteuse nos últimos anos nun dos principais escaparates do turismo de proximidade entre Galicia e o norte de Portugal. Os visitantes puideron coñecer a oferta turística das cidades participantes a través de actividades promocionais, degustacións, información cultural e propostas vinculadas ao patrimonio e á gastronomía.
Durante a súa estancia en Amarante, os representantes municipais de Monforte convidaron aos asistentes a achegarse ao espazo dedicado á cidade para descubrir os seus atractivos turísticos. Na inauguración estiveron presentes, entre outros, o vicepresidente do Eixo Atlántico e presidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo, Luís Nobre, así como o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao.•





