O aeródromo de As Lamas recibirá 16 aeronaves de España e Portugal

Monforte será un dos puntos de parada da Vuelta Aérea Internacional Aerodreams 2026

A volta celebrarase do 14 ao 18 de maio e conta con 16 aeronaves ultralixeiras inscritas e 29 participantes. Foto GPCM.

O aeródromo municipal de As Lamas converterase este mes nun dos puntos estratéxicos da Vuelta Aérea Internacional Aerodreams 2026, unha travesía que reunirá 16 aeronaves ultralixeiras e 29 participantes nun percorrido por distintos aeródromos de España e Portugal. A expedición fará parada en Monforte o 15 de maio, coincidindo coa segunda xornada da ruta aérea iniciada en Benavente.
O alcalde de Monforte, José Tomé, destacou que a elección da cidade do Cabe responde ao proceso de modernización realizado recentemente nas instalacións municipais. O rexedor lembrou que o Concello acometeu o pasado ano diversas actuacións de mellora na pista e nos accesos do recinto, cun investimento superior aos 260.000 euros. Segundo indicou, estas obras permitiron reforzar a seguridade e operatividade dunha infraestrutura cunha actividade constante ao longo do ano.
A programación da VAIA 2026 prevé que as aeronaves despeguen o 14 de maio desde Benavente para continuar ata Valença do Minho. Ao día seguinte, os pilotos realizarán unha parada previa en Lugo antes de chegar ao aeródromo monfortino, onde está prevista a pernocta tanto dos participantes como dos seus acompañantes. A organización explicou que a escala na capital da Ribeira Sacra tamén busca favorecer o contacto dos visitantes co patrimonio e coa oferta turística da zona.
Os responsables da proba, Jackie e Paulo, subliñaron ademais o valor simbólico que ten para eles a presenza en Monforte, cidade coa que aseguran manter unha vinculación persoal a través do apelido Lemos. Tamén destacaron a situación privilexiada do campo de voo, situado a poucos minutos do centro urbano.
O Concello considera que esta cita pode ter repercusión directa sobre sectores como a hostalaría, o comercio e o turismo. José Tomé sinalou que o aeródromo recibe cada ano aeronaves procedentes de distintos puntos de Galicia, así como de Portugal, Asturias, Castela e León ou Francia, consolidándose como unha referencia para clubs e pilotos privados do noroeste peninsular.
As Lamas conta con autorización oficial como campo de voo desde 2012 e, na actualidade, acolle entre 300 e 500 operacións anuais. Ademais de servir como base para voos recreativos, tamén é empregado por empresas especializadas en traballos aéreos e gravación audiovisual cada ano. O recinto foi escenario noutras ocasións de encontros aeronáuticos e de etapas da Volta Aérea Ibérica entre España e Portugal.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Corpus Christi Alfombras Florais

Seguinte Nova

Monforte promociona a Ribeira Sacra na feira Expocidades de Amarante

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

Ir aInicio

Don't Miss