O servizo de bus urbano de Monforte pechou o ano 2025 cun total de 93.643 viaxeiros, a cifra máis elevada desde a súa entrada en funcionamento e un 13,4% máis ca no exercicio anterior. Os datos consolidan a evolución ascendente do transporte público municipal desde a implantación da súa gratuidade no ano 2020, unha medida pioneira naquel momento en Galicia. Antes dese cambio, no ano 2019, o número de usuarios apenas superaba os 14.400.
Desde aquela, o crecemento foi constante. O primeiro exercicio completo co servizo gratuíto rematou con máis de 34.000 desprazamentos, unha cifra que foi aumentando progresivamente ata achegarse aos 94.000 durante o pasado ano. O alcalde, José Tomé, valorou estes rexistros como a confirmación da “excelente acollida” dun modelo de mobilidade que, segundo destacou, facilita os desprazamentos diarios e contribúe a reducir o uso do vehículo privado.
Os meses de maior actividade foron outubro, con máis de 10.000 usuarios, e setembro, con preto de 8.500. Tamén maio e xuño presentaron cifras elevadas, superando en ambos casos os 8.200 viaxeiros. A media mensual situouse por riba das 7.800 persoas usuarias.
O Concello de Monforte sostén que a consolidación do bus urbano gratuíto reforza a aposta municipal por un transporte accesible e sostible. Nesta liña, o goberno local lembra tamén a recente posta en marcha do bus rural, un servizo igualmente gratuíto que conecta as parroquias co centro urbano nos días laborables.•





