Actuarase en vías urbanas estratéxicas e nos accesos de catro parroquias do rural. Os traballos inclúen renovación de firmes, melloras de drenaxe e nova sinalización viaria

O Concello de Monforte anunciou un novo paquete de investimentos destinado á mellora da rede viaria urbana e rural, cun orzamento global que supera o millón de euros. O plan foi presentado polo alcalde, José Tomé, xunto á tenente de alcalde, Gloria Prada, e ao concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, e inclúe actuacións en diferentes barrios da cidade e en varias parroquias do termo municipal.
Segundo explicou o rexedor, o obxectivo das intervencións é continuar coa renovación progresiva das infraestruturas viarias tanto no casco urbano como nas zonas rurais, incidindo especialmente na seguridade do tráfico e nas comunicacións entre núcleos. Tomé sinalou que se trata dun investimento “moi importante” para seguir mellorando a mobilidade e o estado das principais arterias de comunicación da cidade e das parroquias.
A maior parte do investimento urbano, preto de 575.000 euros, concentrarase en varias rúas de especial tránsito. Entre elas figura a avenida de Galicia e a rúa Chantada, onde se renovará o firme entre a rúa Cardenal e a rotonda do Hórreo mediante fresado e reposición do pavimento. O proxecto contempla tamén a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.
Outra das actuacións previstas afectará á rúa Vigo, desde a estrada da Vide ata o barrio do Casar. Neste caso procederase á reparación do firme e dos puntos deteriorados por obras e avarías da rede de abastecemento, ademais da renovación da sinalización. Tamén se actuará na rúa Pintor Luis Seoane, onde se rebaixará a cota do pavimento para evitar problemas coas augas pluviais nas vivendas próximas.
No barrio da Estación acometerase unha intervención integral na rúa Calvo Sotelo, unha das conexións principais coa N-120. O Concello prevé reparar afundimentos e renovar a capa de rodadura, mantendo os elementos redutores de velocidade existentes. Tomé destacou que o barrio experimentou nos últimos anos unha mellora progresiva das súas comunicacións e avanzou que existen peticións veciñais para actuar tamén noutras rúas da contorna.
O plan complétase cunha actuación entre Montepando e Bouza Brey, onde se acondicionarán varias pistas que enlazan co Reboredo mediante aglomerado en quente e sinalización.
No rural, o investimento previsto achégase aos 485.000 euros e distribúese entre as parroquias de Piñeira, Ribasaltas, Marcelle e San Xulián de Tor. En Piñeira concentrarase a maior partida, con máis de 281.000 euros destinados á mellora da vía que conecta o centro da parroquia coa estrada de acceso ao polígono do Reboredo e ao acondicionamento doutros dous camiños da zona.
En Ribasaltas renovaranse as pistas situadas na marxe dereita da estrada de Lugo, mentres que en Marcelle se actuará na pista que comunica a recta da parroquia co núcleo da Meda e noutras conexións locais. En San Xulián de Tor mellorarase a pista entre Eirexe e Outeiro, incluíndo actuacións nun muro lindante coa vía.•





