Máis de 400 representantes institucionais, empresariais e académicos participaron no foro impulsado por CESUGA

Sober acolleu a segunda edición de O Encontro de Sober 2026, unha cita promovida por CESUGA que reuniu no Áurea Palacio a máis de 400 representantes do tecido empresarial, universitario e institucional galego arredor dos retos e oportunidades do rural. O foro converteu durante dúas xornadas o municipio soberino nun espazo de análise sobre o futuro económico do territorio, con especial atención á conexión entre industria, emprendemento e medio rural.
Un dos anuncios máis destacados chegou da man do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, quen avanzou a próxima publicación dunha nova liña de axudas destinada á rehabilitación de vivendas unifamiliares no rural para facilitar o alugueiro a traballadores de empresas da contorna. Segundo explicou, a medida pretende responder á falta de man de obra e ás dificultades de acceso á vivenda que afectan a moitos municipios galegos. O conselleiro defendeu ademais un modelo económico vinculado ao territorio e puxo en valor iniciativas como os Polos de Emprendemento ou a Estratexia Retorna.
Na inauguración do encontro participou tamén a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen reivindicou o momento de transformación que vive o agro galego e destacou o peso da produción certificada e da industria asociada á calidade diferenciada. Durante a súa intervención insistiu na necesidade de integrar toda a cadea de valor, desde a produción ata a comercialización, e puxo o foco na innovación, na formación e na capacidade do rural para xerar oportunidades laborais e empresariais.
A responsable autonómica incidiu ademais na importancia da remuda xeracional, defendendo as axudas para a incorporación de mozos ao sector agrario e os programas de asesoramento impulsados pola Xunta. Tamén apelou a reforzar a promoción dos produtos de proximidade e das denominacións de calidade como elemento diferenciador nos mercados.
Na clausura do foro participou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen apelou a producir “mellor e desde aquí” para converter o rural nun motor industrial da comunidade. Blanco destacou o impacto dos fondos europeos e dos PERTE no impulso a proxectos ligados ao agroalimentario e á transición ecolóxica, ao tempo que reivindicou investimentos en servizos públicos, dixitalización e comunicacións para garantir a fixación de poboación.
A Deputación de Lugo tamén estivo presente a través da deputada Pilar García Porto, que defendeu a necesidade de fortalecer a industria vinculada ao rural para xerar riqueza e consolidar emprego no territorio. Ao longo das distintas mesas redondas quedou patente unha preocupación compartida entre empresas e institucións: a dificultade crecente para atopar persoal cualificado e a necesidade de facer do rural un espazo competitivo sen perder arraigamento.•





