A dirección do Sergas e o Concello destacan o impacto sanitario, social e económico do hospital nas comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga

O Hospital Público de Monforte vén de conmemorar o seu 40 aniversario cun acto institucional no que se puxo en valor o papel desempeñado polo centro sanitario desde a súa apertura en 1986. A celebración reuniu a responsables do Sergas, representantes municipais e profesionais do ámbito sanitario nunha xornada marcada polo recoñecemento á traxectoria do hospital e á implicación do seu persoal ao longo destas catro décadas.
No acto participaron o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares; a directora do distrito sanitario monfortino, Inmaculada Ramos; e o alcalde de Monforte, José Tomé, acompañado da tenente de alcalde, Gloria Prada. Durante a súa intervención, Parada destacou o carácter humano da atención prestada nun hospital comarcal, onde “a medicina non é anónima” e no que a relación entre profesionais e pacientes vai máis alá da asistencia sanitaria. O responsable do Sergas incidiu na proximidade que define este tipo de centros e no vínculo xerado coa veciñanza da comarca ao longo do tempo.
A programación incluíu tamén a entrega de diplomas do concurso infantil convocado para escoller o cartel do aniversario e unha homenaxe aos dez directores que estiveron á fronte do hospital desde a súa creación. Ademais, once profesionais de distintos servizos recibiron un recoñecemento polos seus corenta anos de traballo no centro. Entre eles figuran empregados de áreas como mantemento, radioloxía, urxencias, laboratorio, consultas externas, farmacia, quirófano, esterilización ou cociña. Parada destacou que foron persoas que “viran nacer o hospital” e que contribuíron a construílo “con dedicación, coñecemento e presenza”.
No transcurso do acto púxose o foco na importancia do hospital como peza clave da sanidade pública no sur da provincia, garantindo asistencia especializada de proximidade e evitando desprazamentos a outros puntos de Galicia. Tamén se subliñou o seu peso como motor económico e social para Monforte e para o conxunto da comarca.
O alcalde José Tomé definiu a apertura do hospital como “un fito” para a cidade e lembrou a transformación que provocou tanto na atención sanitaria como no propio desenvolvemento urbano da zona da Corredoira. Segundo explicou, a creación do centro contribuíu á xeración de emprego e á fixación de poboación nun momento de perda de actividade noutros sectores tradicionais. O rexedor agradeceu ademais o traballo realizado por varias xeracións de profesionais sanitarios e destacou especialmente o seu compromiso durante os anos da pandemia.
A celebración do aniversario chega nun contexto de modernización do Hospital de Monforte, inmerso nos últimos anos en distintos procesos de mellora das instalacións e dos servizos asistenciais. Tanto desde o Sergas como desde o Concello insistiron na necesidade de seguir reforzando unha sanidade pública “próxima, accesible e humana”, adaptada ás necesidades da comarca e preparada para afrontar os retos asistenciais do futuro.•





