O PP logra aprobar unha iniciativa para cubrir vacantes no servizo postal

O Senado deu luz verde esta semana a unha iniciativa presentada polo Partido Popular para reclamar ao Goberno central un reforzo do servizo de Correos na provincia de Lugo. A proposta, defendida polo senador lucense José Manuel Balseiro e aprobada coa abstención do PSOE, insta ao Executivo estatal a cubrir vacantes estruturais, substituír baixas e xubilacións e incrementar os medios humanos e materiais nas oficinas e unidades de reparto da provincia.
A moción aprobada reclama tamén garantir “un número suficiente de efectivos” para asegurar o funcionamento ordinario do servizo postal universal, así como mellorar os recursos organizativos das oficinas.
Durante a súa intervención, Balseiro asegurou que o deterioro de Correos “xa non é unha percepción illada”, senón unha realidade que, segundo indicou, levan meses denunciando veciños, traballadores, autónomos e responsables municipais de distintos puntos da provincia. O senador advertiu de que a falta de persoal está provocando atrasos na distribución postal, sobrecarga laboral entre os empregados e saturación nas oficinas de atención ao público.
José Manuel Balseiro: “Lugo ten hoxe menos traballadores de Correos que hai seis anos e 2025.Estamos ante un desmantelamento do servizo postal”
Balseiro dixo que Lugo conta actualmente con menos efectivos que hai seis anos e asegurou que 2025 presenta o menor número de traballadores da serie recente. “O problema non é a falta de demanda, senón a falta de xestión”, afirmou durante o debate parlamentario. Na súa intervención tamén criticou a política do Goberno central respecto á empresa pública e acusou ao Executivo de priorizar “o control político” fronte á calidade do servizo.
A proposta aprobada reclama ademais que se cubran de maneira automática as baixas temporais e que se reforcen as oficinas e os servizos de reparto, especialmente nas zonas rurais, onde Correos continúa a desempeñar unha función esencial para persoas maiores, pequenos negocios e municipios con escasos servizos administrativos. No debate produciuse un enfrontamento político entre populares e socialistas. O PSOE presentou unha emenda alternativa que finalmente foi rexeitada pola Cámara. O senador socialista César Alejandro Mogo acusou ao PP de “dramatizar” a situación e reprochou aos populares o seu posicionamento respecto doutros servizos públicos, como a atención sanitaria.
Pola súa banda, Balseiro replicou que a iniciativa nace “das queixas reais dos traballadores e da veciñanza” e insistiu no deterioro do servizo postal en moitos concellos lucenses. Segundo afirmou, a provincia precisa “menos propaganda e máis solucións”.•





