
O Concello de Pantón deu un novo paso na planificación das súas infraestruturas hidráulicas tras a reunión mantida entre o alcalde, José Luis Álvarez, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. O encontro, celebrado en Santiago de Compostela, serviu para analizar o proxecto municipal destinado a mellorar o saneamento en varios núcleos da parroquia de Santa María de Tuiriz, cun investimento estimado de 500.000 euros.
Durante a reunión, a conselleira explicou que o persoal de Augas de Galicia avaliaría a proposta para determinar a súa viabilidade e estudar posibles vías de colaboración técnica e financeira. Vázquez lembrou que a Xunta viña prestando apoio continuado aos concellos para garantir servizos de abastecemento e saneamento de calidade, e destacou que o orzamento de Augas de Galicia para este ano ascendía a 151,7 millóns de euros, dos que a maior parte se destinaba a infraestruturas hidráulicas.
Ademais, o alcalde foi informado de que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental emitira o informe ambiental estratéxico do Plan básico municipal de Pantón, concluíndo que non se prevían impactos significativos sempre que se cumprisen determinadas condicións. Este documento permitirá avanzar na tramitación dun instrumento urbanístico esencial para un municipio que carece de planeamento xeral.
O PBM facilitará a delimitación de núcleos rurais e do solo rústico, permitindo ao Concello desenvolver actividade urbanística básica sen promover crecementos desordenados. Trátase dun recurso pensado para localidades de menos de 5.000 habitantes, como Pantón, que buscan ordenar o territorio con criterios de sustentabilidade.•





