A Mostra de Viños reafirmou o papel de Pantón como referente na promoción do viño da Ribeira Sacra

Pantón acolleu a pasada fin de semana a XXXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra, unha edición que consolidou o evento como un dos principais escaparates do sector vitivinícola da comarca. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na inauguración oficial, acompañado por representantes da Administración autonómica. A feira, recoñecida como de Interese Turístico de Galicia desde 2022, contou coa presenza de varias adegas da denominación de orixe, que presentaron os seus viños ao público asistente.
Arias destacou que Pantón ocupaba “un lugar privilexiado para comprender a viticultura da Ribeira Sacra”, pola súa localización entre os ríos Cabe, Sil e Miño. Subliñou ademais o compromiso da Xunta co sector, lembrando a liña de axudas destinada á conservación da paisaxe vitícola e á loita contra a erosión, dotada con 1,5 millóns de euros. Enmarcou esta medida no conxunto dos apoios anuais ao viño galego, que suman arredor de 12 millóns de euros.
A feira mantivo actividades complementarias xa consolidadas, como a cata maridaxe Sabores da Ribeira Sacra, celebrada o venres, e incorporou novidades como a primeira cata popular, con dúas sesións no recinto feiral. O sábado celebrouse tamén a IX Festa da Empanada, con produtos da terra, ademais de actuacións musicais e propostas familiares, incluíndo varias sesións do Mago Antón.
Un dos momentos máis destacados foi o brinde simultáneo polo Día do Viño con Denominación de Orixe, promovido pola Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas. Pantón converteuse nunha das sedes galegas desta iniciativa, que buscou poñer en valor a cultura do viño, o territorio e o consumo responsable. O acto celebrouse o sábado ás 13.30 horas no Campo da Feira.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu tamén á Mostra e participou no brinde nacional. O domingo celebrouse o pregón, a cargo do enólogo e sumiller Luis L. Paadín, seguido de novas actuacións musicais que pecharon a programación.•





