A iniciativa incluirá unha charla de Olga Novo sobre a reinterpretación feminista dos mitos na obra da escritora galega

O BNG de Quiroga está a celebrar, con ocasión do día das Letras Galegas, un acto dedicado á escritora e xornalista Begoña Caamaño. E o acto principal desta iniciativa terá lugar ás 20.00 horas deste venres no Salón de Actos da Casa da Cultura e busca achegar ao público a figura dunha autora que deixou unha fonda pegada na literatura e no pensamento feminista galego.
A sesión contará coa participación da poeta e profesora Olga Novo, quen ofrecerá a charla titulada “Begoña Caamaño, a muller que inventaba o mundo”. A relatora realizará un percorrido pola obra da homenaxeada, deténdose na súa reinterpretación dos mitos clásicos desde unha óptica feminista e no vínculo constante entre creación literaria e compromiso social. Segundo avanzou, abordará figuras como Penélope, presentes tanto na tradición literaria como na obra de Caamaño, así como outras “Penélopes reais” que permiten comprender o enfoque crítico da autora.
O BNG de Quiroga anima á veciñanza a participar neste acto divulgativo, concibido como unha oportunidade para coñecer máis a fondo a traxectoria dunha escritora que destacou polo seu labor xornalístico e pola relevancia de títulos como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle,merecedoras de varios premios. A organización lembra tamén o seu activismo como nacionalista, sindicalista, feminista e antimilitarista.•





