Retorna Galicia pretende crear un modelo escalable que combine a posta en valor de activos inmobiliarios

O Concello de Sober vén de dar un paso significativo na súa estratexia de revitalización demográfica ao confirmar a súa adhesión ao proxecto Retorna Galicia, unha iniciativa que busca recuperar vivendas e edificios en desuso mediante modelos de rehabilitación e financiamento innovadores. O alcalde, Luis Fernández Guitián, mantivo unha reunión de traballo cos responsables da proposta, converténdose Sober no primeiro municipio da provincia de Lugo en incorporarse a este programa, no que xa participan preto de trinta localidades doutras zonas de Galicia.
Segundo explican os promotores, Retorna Galicia pretende crear un modelo escalable que combine a posta en valor de activos inmobiliarios, a súa rehabilitación e a explotación posterior mediante fórmulas de financiamento mixto, incluíndo a participación de fondos de investimento. O obxectivo global é recuperar arredor de 1.500 vivendas en cinco anos, favorecendo a chegada de nova poboación e a dinamización económica do rural galego.
O goberno local de Sober comprometeuse a colaborar na identificación de inmobles que se atopan deshabitados ou en estado de abandono, paso imprescindible para activar o proceso de recuperación. Guitián destacou que esta fórmula resulta “axeitada para fixar poboación no rural”, ao permitir que propiedades sen uso poidan converterse en vivendas habitables ou en proxectos vinculados ao turismo sostible e á recuperación patrimonial.
Unha vez localizados os inmobles, o equipo de Retorna Galicia encárgase de activar a rehabilitación mediante financiamento híbrido —público e privado— e coa tokenización como ferramenta para ampliar o impacto das operacións. Esta metodoloxía, explican, facilita atraer investimento e garantir a viabilidade dos proxectos, ao tempo que se impulsa a recuperación de espazos con valor histórico ou arquitectónico.
Na reunión celebrada en Sober participaron, ademais do alcalde, Juan Carlos Castro, CEO e fundador de Retorna Galicia e empresario con ampla traxectoria en investimento e desenvolvemento inmobiliario, así como outros membros do equipo técnico. O encontro serviu para pechar a adhesión formal do municipio e establecer as primeiras liñas de traballo conxunto.
O Concello considera que esta colaboración permitirá abrir novas oportunidades para o territorio, reforzando a aposta pola revitalización do rural e pola recuperación de inmobles que, doutro modo, continuarían en desuso.•





