O festival combinará música, humor, danza e creación escénica en distintos espazos da vila

Sarria volverá converterse este verán nun punto de encontro para a cultura galega coa quinta edición do festival Ultreia et Suseia, que se celebrará entre o 14 e o 19 de xullo. A cita, impulsada por Etiqueta Negra Producciones e apoiada por distintas institucións, manterá a súa aposta por unha programación aberta e participativa vinculada á identidade da vila e ao Camiño de Santiago.
Baixo o lema “Todo o que somos”, o festival reunirá propostas de humor, música, danza tradicional, artes escénicas e narración oral. Entre os nomes confirmados figuran Pepe e Lucas, Touriñán, David Amor, Leti da Taberna, Quico Cadaval ou Paula Regueiro, ademais de agrupacións e asociacións culturais da comarca.
A música volverá ocupar un lugar destacado coa participación de artistas como Lisdexia ou Diego Flâneur & Ünder, xunto á Banda de Música de Sarria, a Coral Polifónica ou colectivos locais. O programa incluirá tamén actividades colectivas como A Romaxe do Camiño e novas edicións das Camiñografías e Contos Sonoros, propostas que mesturan memoria, escena e espazo urbano.•





