
A Real Academia Galega publicou a edición conmemorativa do Día das Letras Galegas 2026 dedicada a Begoña Caamaño, un volume que recompila dous textos nos que a escritora explica a orixe literaria e conceptual das súas novelas “Circe ou o pracer do azul” e “Morgana en Esmelle”. A publicación, xa dispoñible en formato dixital, será entregada tamén ás persoas asistentes ao pleno extraordinario da institución previsto para o 17 de maio. O primeiro dos escritos permanecía inédito ata o de agora e fora preparado pola autora para os Diálogos Literarios de Mariñán celebrados en 2010. Nel, Caamaño reflexiona sobre a súa reinterpretación de Penélope e Circe desde unha óptica feminista e cuestiona os modelos femininos transmitidos pola tradición clásica. A autora lembra a súa insatisfacción coa representación da esposa de Ulises na “Odisea” e explica como esa visión mudou co seu achegamento ao feminismo e á revisión crítica dos arquetipos literarios. No texto, Caamaño percorre diferentes reinterpretacións da figura de Penélope na literatura universal, desde autores clásicos ata voces contemporáneas. Entre as súas principais referencias sitúa a Rosalía de Castro e Xohana Torres, ás que identifica como inspiración fundamental para construír unha protagonista afastada da resignación e da espera pasiva.
A segunda achega incluída no volume corresponde á presentación de “Morgana en Esmelle”, publicada no seu día na revista “Festa da palabra silenciada”. Nela, a escritora reivindica o papel das “heroínas do cotián” e aborda cuestións vinculadas ao poder, á ética e á desigualdade. Partindo das lendas artúricas, Caamaño formula unha reflexión sobre a necesidade de transformar as estruturas sociais e avanzar cara a un modelo baseado na igualdade e na xustiza. A edición conta cun prólogo de Ana Romaní e foi impulsada coa colaboración da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.





