Entrevista a Xabier Quiroga

O escritor do Saviñao vén de publicar Alguén ao lado, una novela fundada na conxugación de sentimentos fundamentales e idiosincrasia galega

O novo libro de Xabier Quiroga, Alguén ao lado, explora a anatomía da amizade e o amor nunha atmósfera de inquietude cultural e forte compromiso coa raíz. Foto: EX.

Falamos con Xabier Quiroga, escritor natural do Saviñao que conxuga sentimento e identidade galega na súa última novela, Alguén ao lado.

P: Quen é Xabier Quiroga? Como te definirías como escritor?
R: É unha pregunta clásica, pero ten a súa miga (risas). Eu definiríame como un pequeno clandestino da literatura e escritor aos anacos; é dicir, non son profesional, non vivo da literatura e mesmo estou un pouco á marxe do sistema. É unha decisión que considero axeitada para min, para poder facer a miña vida e desenvolverme noutros ámbitos, como viaxar, coñecer xente ou mesmo documentarme. O feito de ser ou intentar ser profesional é complicado, e o que fai é enredarte e quitarche tempo para o esencial, que é a obra. Nese sentido, tampouco che podo dicir moito da miña biografía, porque non difundo biografía. Nas solapas dos meus libros aparecen simplemente as obras que publiquei con Xerais; non aparece onde nacín, que fixen, a que me dedico… Por iso me defino como clandestino e escritor aos anacos.

P: O teu comezo coa literatura foi un fenómeno accidental ou xa tiñas a vocación de contar historias e expresar a inquedanza que levabas dentro?
R: Na casa dos meus pais e dos meus avós non había libros. Descubrín a vocación literaria na adolescencia, concretamente cando empezaron a chegar ás miñas mans libros de librarías e bibliotecas, e penso que quedei cativado por ese fenómeno. Chamábame a atención como persoas mesmo xa mortas ou persoas doutras latitudes nos transmitían historias novidosas que te enganchaban. Non foi algo infantil, foi xuvenil, na adolescencia e, a partir de aí, sempre escribín. O que pasa é que hai xente que confunde escribir con publicar; publicar é outra cousa á parte. Eu empecei a publicar aos corenta anos. Hai quen diría que é unha idade tardía para comezar a publicar, sobre todo xente nova que ten moita présa por publicar. Considero que eses anos, desde a adolescencia ata os corenta, foron moi frutíferos porque supuxeron unha formación, tanto a nivel de lecturas como de escrita. A partir de aí, tiven a sorte de empezar a publicar, gañar algúns premios, e iso condicionoume cara a unha vida diferente, porque cando tes lectores non é que esteas sometido a eles, senón que se concibe como unha obriga para con eles. Entón, desde ese momento, a maioría dos libros que escribín publicáronse, aínda que tamén che direi que teño varios libros gardados no disco duro que nunca publicarei, porque non considero que teñan o nivel suficiente.

P: Algúen ao lado, a túa última novela, concentra unha carga autobiográfica considerable e reflexiona sobre a importancia de sentimentos básicos como o amor ou a amizade. Como abordas o enfrontamento co papel en branco ao escribir unha novela desta sensibilidade?
R: Direiche que, nesta novela, tiña ganas de facer algo diferente a toda a miña obra anterior, que está máis enfocada na memoria histórica, a investigación, a posguerra, a política… Entón, tiña na cabeza o reto de ver se era capaz de escribir unha historia sentimental de adolescencia que falase da amizade, desde hai tempo xa. Hai arredor de 15 anos preguntáronme nun club de lectura cando ía publicar unha novela de amor, e iso quedou resoando en min, aínda que nos meus libros sempre hai unha historia de amor. Despois, lembro que lin Canciones de amor a quemarropa, de Nickolas Butler, que é un relato emotivo dun grupo de Wisconsin que fala sobre a amizade, o amor, cousas duras e elementos así. Todos temos no noso pasado esas relacións que nos van formando e xeran feridas; ás veces son propias e autobiográficas e outras son ficticias. Entón, quixen facer unha novela diferente, sentimental, que falase da amizade, do que importa, das relacións e mesmo da emoción da paisaxe.
O meu método, cando empezo un proxecto, baséase na documentación; non me precipito a escribir. Paso unha época de formación, de ver por onde vou, quen o conta, que personaxes hai… É un tempo interesante que che axuda a apuntalar a esencia da novela. Unha vez que te pos a escribir, debes ter todo moi claro, debes ter unha especie de guión ou trazado porque, digamos, sen unha carta de navegación fas unha viaxe en barco e acabas naufragando. É un método habitual que sigo na maioría das miñas novelas, para telo todo un pouco amarrado e saber cara onde vas conducir a historia.

P: Unha das características máis singulares da novela é a súa incursión na cultura do Magreb, pero prevalece a forte idiosincrasia galega do libro. Como logras conxugar a inmersión na cultura do Magreb coa conservación da esencia fundamental da novela, o sentimento galego?
R: Iso supón unha dificultade grande. Eu son galego e falo das nosas circunstancias, da nosa xente e da nosa cultura por ese compromiso que teño con Galicia. En cambio, meterse nunha cultura que non mamaches significa ser algo atrevido. Non domino tanto a súa cultura; levo vivindo cinco anos aquí, viaxei moito, contactei con moita xente… pero claro, se non mamaches a esencia do que hai aquí, non podes transmitilo plenamente. Simplemente me atrevín porque Marrocos, desde un principio, a cultura do Magreb e, sobre todo, a cultura amazigh (a que nós chamamos bereber) me resulta fascinante. Os amazigh ou bereber son un pobo libre, un pobo que nunca foi conquistado. É un pobo con pouco nivel económico, pero séntense orgullosos do seu, de ser quen son, de ter a súa cultura e a súa lingua con variantes. Entón, o xeito en que viven, como senten, como se relacionan, como te reciben cos brazos abertos cando andas por aí, é algo que, mesmo sen entenderte ben con eles porque falan unha lingua complicada, hai miradas, feitos e situacións que te unen. Quería transmitir todo isto porque estou vivindo aquí, e o creador séntese mergullado nunha cultura nova e diferente. Entón, á hora de escribir e trasladar a vida ao papel, había un problema. Deille moitas voltas, e ao final xurdiu ese encontro de dúas culturas que non están tan afastadas como pensamos; é a historia do noso país. O outro día comentábame alguén que o que eu conto é unha historia xeracional, a historia dunha persoa coma min que está marcada polo pasado. En conclusión, todo creador se sente condicionado polo que o rodea, pero tamén polo seu pasado, polo que é e polo que o define, e nesta novela intentei conxugar as dúas culturas o mellor que puiden. N sentía a necesidade de incluír esta cultura fascinante que teño ao lado no libro.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Real Academia Galega recupera dous textos inéditos de Begoña Caamaño

Seguinte Nova

Turismo de Galicia e os concellos do Camiño de Inverno avanzan na planificación polo X aniversario

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss