Monforte acolle a proxección do documental «O Son da Serra, cando o Courel derramou bágoas de cinsa»

A obra reconstrúe o lume de sexta xeración do gran incendio do Courel de 2022

O documental O Son da Serra, cando o Courel derramou bágoas de cinsa chega este venres 15 de maio a Monforte para ofrecer unha mirada ampla e detallada ao incendio que no verán de 2022 devastou a Serra do Courel e parte da comarca de Lemos. A obra analiza un episodio que marcou profundamente o territorio, ao tratarse dun incendio convectivo de sexta xeración, cun comportamento extremo que durante dúas semanas arrasou preto de 13.000 hectáreas nos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Quiroga. A magnitude do suceso obrigou ao desaloxo de máis dun milleiro de persoas e converteuse no maior incendio rexistrado en Galicia ata o ano 2025.
A longametraxe, de algo máis dunha hora, constrúese a partir de entrevistas iniciadas cando o lume aínda non fora extinguido, nun contexto no que o medo e a incerteza marcaban o día a día da poboación. As gravacións continuaron ata comezos de 2025, permitindo incorporar reflexións máis pausadas sobre o impacto ambiental, social e emocional. Entre as voces recollidas figuran veciños e veciñas que viviron o avance das lapas, representantes municipais e membros do servizo de extinción da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que tamén achegaron imaxes inéditas do operativo.
O proxecto é resultado da colaboración entre Némesis Audiovisual e o fotógrafo Emilio Romanos, baixo a dirección de Ana Belén Fernández e Pau Fierro, coa música orixinal de Ale González.
A proxección terá lugar este venres ás 20.15 horas nos Multicines Hollywood de Monforte, con entrada libre ata completar aforo. O sábado 16 celebrarase un coloquio aberto no Ateneo Casino desde as 19.00 horas. Neste encontro analizaranse futuras proxeccións e actividades arredor do documental, así como novas liñas de traballo vinculadas á divulgación ambiental.
A obra estrutúrase arredor de tres eixos principais: a documentación videográfica do territorio, a sensibilización sobre a importancia da súa conservación e a divulgación do funcionamento dos incendios de nova xeración. O documental pretende servir como homenaxe aos afectados e como chamada á reflexión sobre o futuro dun espazo natural único, reforzando a necesidade de formación en prevención e de protocolos de coordinación entre veciñanza e servizos de emerxencia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Guardia Real remata en Chantada o exercicio táctico provincial

Seguinte Nova

Sober acolle a primeira Romaría das Letras Galegas impulsada por Lemos Le

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss