A artista Noelia Aragundi realizou a intervención no salón de actos do centro

O IES A Pinguela de Monforte de Lemos incorporou esta pasada semana unha nova intervención artística dedicada á poetisa Rosalía de Castro. A muralista Noelia Aragundi foi a encargada de elaborar a obra, situada no salón de actos do instituto, dentro dunha iniciativa promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para achegar a figura da escritora galega aos espazos educativos e públicos da provincia.
A deputada de Cultura, Iria Castro, visitou o centro durante o desenvolvemento dos traballos e destacou o valor deste tipo de proxectos para difundir o legado de Rosalía entre a mocidade. O programa leva seis anos impulsando murais e creacións artísticas arredor da autora compostelá, convertida nun símbolo da literatura galega e tamén nun referente social e feminista.•





