O pleno provincial aprobou unha iniciativa socialista para promover un pacto galego que impida alterar as maiorías saídas das urnas

O pleno da Deputación de Lugo aprobou unha moción impulsada polo Grupo Provincial Socialista para promover un pacto galego contra o transfuguismo político e avanzar cara a unha futura norma autonómica que limite o uso de edís tránsfugas para modificar maiorías de goberno. A iniciativa saíu adiante cos votos favorables do PSdeG, do BNG e do deputado non adscrito, mentres o PP se posicionou en contra.
A proposta chegou ao pleno despois da moción de censura rexistrada no Concello de Lugo, que permitiu o cambio de goberno municipal co apoio dunha concelleira elixida nas listas socialistas. Durante o debate, a voceira provincial socialista, Pilar García Porto, advertiu de que este tipo de operacións “debilitan a confianza da cidadanía nas institucións” e considerou necesario reforzar mecanismos legais e políticos que impidan “converter a deslealdade nun atallo para acceder ao poder”.
O texto aprobado aposta pola apertura dun proceso de diálogo entre as forzas con representación parlamentaria para elaborar un acordo autonómico que fixe límites ao transfuguismo e desenvolva instrumentos de control e prevención. Entre outras cuestións, reclama evitar que estas prácticas dean lugar a beneficios políticos ou institucionais.
A iniciativa tamén insta ao Partido Popular a aplicar os seus propios estatutos internos, que tipifican como falta grave utilizar persoas tránsfugas para modificar gobernos locais. Ademais, rexeita a posibilidade de suavizar esa regulación mediante cambios normativos dentro da formación popular.
Antes da sesión plenaria, a presidenta da Deputación, Carmela López, puxo o foco na resposta social xerada tras a moción de censura en Lugo, lembrando a mobilización cidadá rexistrada na Praza Maior. Segundo indicou, “non se pode permitir que a vontade expresada nas urnas se altere mediante prácticas deste tipo”.
O acordo aprobado no Pleno inclúe tamén unha condena institucional a calquera operación política orientada a modificar maiorías democráticas mediante transfuguismo e expresa o apoio da Deputación ás mobilizacións convocadas en defensa da estabilidade institucional e do resultado electoral saído das municipais de 2023.•





