
A Noite Meiga de Sarria acadou a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, converténdose na primeira celebración do municipio en obter esta distinción, o que supón un novo impulso para unha cita cultural que supera xa os cincuenta anos de historia e que cada último sábado de agosto congrega a milleiros de persoas.
A asociación cultural Meigas e Trasgos, encargada da organización do evento, levaba anos traballando para conseguir este distintivo. A entidade está presidida por Belén Fernández e conta con Iván Pereiro como vicepresidente.
A celebración ten como principal sinal de identidade a coñecida danza da Noite Meiga, unha creación inspirada nunha lenda popular da vila e ideada pola fundadora da asociación, Carmela González Ruiz. O espectáculo combina elementos da tradición galega, música e compoñentes escénicos que converteron a festa nun referente cultural da comarca.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo un encontro con representantes de Meigas e Trasgos para felicitalos polo recoñecemento. A Noite Meiga consolidouse ao longo das últimas décadas como unha das citas máis concorridas do verán sarrián e nun dos principais atractivos turísticos da vila, cun programa que mobiliza centos de participantes e dinamiza a actividade hostaleira e comercial da comarca.•





