
Monforte sumou esta semana catro novas vivendas de promoción pública destinadas ao alugamento, todas elas ocupadas xa por familias adxudicatarias. Os inmobles, de tres dormitorios, están situados en dous edificios das rúas Val de Lemos e Ourense, e foran liberados tras quedar vacantes.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no acto de entrega das chaves e destacou as medidas impulsadas para ampliar o parque residencial protexido. Entre elas figura a recente actualización dos límites máximos de ingresos para acceder a este tipo de recursos.
As persoas interesadas poden solicitar unha vivenda pública mediante a inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, trámite dispoñible tamén por vía telemática.•





