As obras no treito Nadela-A Pobra de San Xiao contarán cun investimento de 37,7 millóns de euros

A construción do último tramo da autovía AG-22, que conectará Lugo e Sarria, quedou adxudicada á empresa Copasa Infraestructuras cun investimento de 37,7 millóns de euros. O proxecto permitirá transformar en vía de alta capacidade o tramo comprendido entre Nadela e A Pobra de San Xiao, cun prazo de execución previsto de tres anos.
A actuación desenvolverase ao longo de 13,5 quilómetros e incluirá a ampliación da actual infraestrutura para crear dúas calzadas con dous carrís por sentido. Entre as intervencións previstas destacan os enlaces do Corgo e Maceda, dous viadutos sobre os ríos Chamoso e Neira, un paso baixo a A-54 e a adaptación de varios pasos superiores e inferiores.
A nova infraestrutura facilitará unha circulación máis fluída e segura, especialmente nos adiantamentos, ademais de reducir os tempos de viaxe entre Lugo e a comarca de Sarria. A conexión directa co nó de Nadela permitirá tamén unha mellor integración cos principais eixes viarios do noroeste peninsular.
Calcúlase que arredor de 100.000 persoas se beneficiarán desta actuación, pola que poderán circular máis de 8.000 vehículos diarios.•





