
As obras para eliminar os pasos a nivel de Juan Montes e Rioseco en Monforte afrontan unha fase de revisión técnica tras detectarse distintas incidencias durante a execución do proxecto. O alcalde, José Tomé, e o subdirector de Pasos a Nivel e Instalacións de Protección e Seguridade de ADIF, Roberto Muela, visitaron a pasada semana os traballos acompañados polos responsables da obra e das empresas adxudicatarias, nun encontro no que explicaron os motivos polos que a actuación permanece practicamente sen actividade visible desde hai semanas.
Segundo detallou o rexedor, os cambios necesarios responden a varias circunstancias non previstas cando se redactou o proxecto inicial. Entre elas figura a aparición dun terreo cunhas características distintas ás esperadas, tanto pola escasa consistencia da capa destinada á rodadura como pola presenza de sulfatos nunha parte do solo, o que obriga a empregar solucións técnicas diferentes ás previstas inicialmente. Isto implicará modificar a estrutura do firme e incorporar novos materiais para garantir a estabilidade da futura infraestrutura.
Outra das cuestións que obrigará a reformular parte do proxecto afecta ao gran caixón de formigón armado que permitirá crear o paso inferior baixo as vías. Inicialmente estaba deseñado para soportar dúas vías ferroviarias, pero finalmente deberá adaptarse a unha terceira, circunstancia que require novos cálculos estruturais antes de continuar coa instalación definitiva.
Durante a execución tamén apareceron filtracións de auga na zona das obras, polo que será necesario construír un sistema de drenaxe específico conectado ao río Seco para evitar sobrecargas na rede de saneamento. A estas modificacións engádese agora a retirada dunha antiga ponte de catenaria situada sobre o trazado do futuro paso inferior. Ata o momento non podía desmontarse porque seguía en funcionamento, aínda que a entrada en servizo da nova instalación eléctrica permitirá proceder á súa eliminación.
Pola súa parte, Roberto Muela insistiu en que os traballos “non están parados”, senón centrados nun proceso administrativo e técnico previo á continuidade da obra. O responsable de ADIF subliñou ademais a complexidade dunha actuación destas características, lembrando que existen moi poucas empresas especializadas no movemento de estruturas de grandes dimensións como o caixón previsto para o soterramento.
As modificacións elevarán o custo da actuación nunha cifra que podería superar o millón de euros, aínda que os responsables municipais indicaron que os cálculos continúan abertos mentres se redactan os novos axustes técnicos.
O investimento inicial ascende a 8,3 millóns de euros, incluídas as expropiacións.
O proxecto, impulsado por ADIF coa colaboración do Concello, permitirá suprimir os pasos a nivel situados na liña ferroviaria León-A Coruña ao seu paso pola cidade. A intervención inclúe a creación de novos viais, unha ponte de conexión con Rioseco, unha rotonda e un paso inferior destinado tanto a vehículos como a peóns. •





