O Concello de Monforte manterá o modelo de festas con artistas de proxección estatal, verbenas e apoio ás bandas locais

As Festas Patronais de Monforte de 2026 volverán apostar por unha programación musical centrada na variedade de estilos e na presenza de artistas de ampla proxección estatal e internacional. O Concello presentou esta semana o cartel dos concertos previstos entre o 11 e o 16 de agosto, cun modelo que combinará actuacións multitudinarias, grandes orquestras de verbena e espazo para grupos locais. A maior parte das citas celebraranse na explanada da Compañía, mentres que o concerto inaugural terá lugar na Praza de España.
O alcalde, José Tomé, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e pola concelleira de Cultura, Marina Doutón, destacou que o obxectivo continúa sendo ofrecer unhas festas “ambiciosas e inclusivas”, dirixidas a públicos de diferentes idades e preferencias musicais. O rexedor asegurou que este formato converteu as Patronais monfortinas nunha das citas festivas de referencia do verán galego, tanto pola variedade artística como pola repercusión económica e turística que xeran na cidade.
A programación arrancará o martes 11 de agosto coa actuación de De Vacas, coñecido grupo galego especializado en reinterpretar grandes éxitos internacionais en clave humorística e en lingua galega. O concerto desenvolverase tras o pregón das festas na Praza de España.
O mércores 12 chegará unha das actuacións internacionais do cartel coa presenza da banda arxentina Ráfaga, un dos grupos máis populares da música latina das últimas décadas. A formación interpretará temas como Mentirosa ou Una cerveza nun concerto previsto para a medianoite. Esa mesma noite a orquestra Olympus ofrecerá dúas sesións musicais antes e despois da actuación principal.
O xoves 13 será a quenda de Miss Cafeína, un dos nomes máis consolidados do pop alternativo estatal e presenza habitual en festivais nacionais. A banda madrileña actuará tamén na explanada da Compañía, acompañada pola orquestra Acordes, encargada de prolongar a verbena ata a madrugada.
A programación continuará o venres 14 co concerto de Marlon, grupo asturiano de pop-rock que chega ás Patronais coincidindo coa súa nova etapa discográfica. A noite completarase coa actuación da orquestra Los Españoles en dous pases.
O día grande das festas, o sábado 15, terá como principal atractivo a actuación de Beret. O cantante sevillano, un dos artistas españois máis escoitados dos últimos anos, ofrecerá o concerto central da semana despois dos fogos artificiais de San Vicente. O programa desa xornada reservará tamén protagonismo ás bandas monfortinas Doc Magoo’s e Malenne, incluídas polo Concello dentro da súa aposta pola música local.
As Patronais pecharanse o domingo 16 coa actuación da orquestra Panorama, acompañada polo Grupo América. Ambas formacións ofrecerán varias sesións durante a noite, coincidindo cos tradicionais Fogos do Río.
Os concertos principais estarán reforzados con actuacións complementarias antes e despois de cada recital, permitindo alongar a actividade musical ata ben entrada a madrugada.•





