O Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 inclúe máis de 70 medidas centradas na innovación, a formación, a remuda xeracional e o apoio aos pequenos negocios


Galicia continúa avanzando no desenvolvemento do Plan estratéxico do comercio 2025-2030 cun conxunto de actuacións destinadas a reforzar a competitividade do pequeno comercio e consolidar o seu papel como motor económico e social na comunidade. O programa, elaborado coa participación de asociacións, entidades e representantes do sector, prevé mobilizar máis de 320 millóns de euros ao longo dos próximos anos e inclúe máis de setenta medidas específicas orientadas á modernización, profesionalización e dinamización do comercio de proximidade.
A folla de ruta impulsada pola Xunta busca fortalecer un tecido comercial considerado esencial para a xeración de emprego e para o mantemento da actividade económica en barrios, vilas e pequenas cidades. Entre os eixos prioritarios figuran o apoio ao emprendemento, a remuda xeracional e a incorporación de ferramentas innovadoras que permitan mellorar a competitividade dos negocios locais nun contexto marcado polos cambios nos hábitos de consumo.
Un dos programas que continuará este ano será o dos Bonos Activa Comercio, dotado inicialmente con cinco millóns de euros. A campaña incorpora nesta edición un sorteo complementario nas redes sociais da Xunta con premios adicionais de 250 euros destinados a compras en establecementos adheridos.
As medidas de apoio tamén inclúen axudas específicas para impulsar a innovación e a sustentabilidade dos comercios, cun orzamento próximo aos 4 millóns de euros. A isto súmanse achegas dirixidas ao asociacionismo comercial e aos centros comerciais abertos, con preto de 2,5 millóns para desenvolver actividades de dinamización en máis de cincuenta localidades galegas. Tamén destaca a colaboración coa Federación Galega de Comercio a través de campañas xa consolidadas como Días Azuis e Merca no teu comercio.
Outro dos ámbitos nos que se está a traballar é a formación. A Administración autonómica puxo en marcha un novo campus formativo adaptado ás necesidades reais do sector, centrado na capacitación profesional e na mellora da competitividade. Ademais, estrearase unha liña específica de apoio á formación de aprendices en oficios artesanais, cun investimento de un millón de euros.
O plan presta tamén especial atención ás prazas de abastos, consideradas espazos estratéxicos para a comercialización de produtos frescos e de proximidade. A través do Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes de Galicia, a Xunta financiará ata o 70 % das actuacións de reforma e modernización das instalacións que aspiren a obter este distintivo. A previsión é alcanzar vinte e cinco mercados certificados antes de 2030.
Na actualidade, xa contan co selo de Mercado Excelente as prazas de abastos de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo. O distintivo pretende recoñecer aqueles espazos que avanzan en innovación e calidade sen perder a identidade tradicional nin o trato próximo coa clientela.
Entre as novidades incorporadas neste exercicio destaca tamén a constitución da Mesa do Comercio de Galicia, un órgano consultivo orientado a reforzar a coordinación entre administracións e representantes do sector. Esta ferramenta complementará o labor das mesas locais de comercio xa existentes nos concellos galegos.
Dentro das accións de revitalización comercial inclúese ademais o proxecto piloto Vilas Vivas, iniciado en Ribadavia, que promove a recuperación de baixos baleiros para poñelos a disposición de comerciantes e artesáns. A iniciativa pretende contribuír á recuperación da actividade económica en vilas con potencial turístico e forte vínculo coa produción local.
O plan tamén inclúe medidas específicas como a campaña educativa Localízate! no teu comercio local, dirixida a fomentar entre a mocidade o coñecemento e a valoración do comercio de proximidade. Ademais, compleméntase con accións de recoñecemento ao sector, entre elas os Premios do Comercio Galego, creados para visibilizar o pequeno comercio.•





