O Diario Oficial de Galicia vén de publicar esta pasada semana unha nova convocatoria dos Bonos Talento Empresa, un programa destinado a financiar accións formativas breves e adaptadas ás necesidades concretas das compañías. A iniciativa contará este ano cun orzamento de 2,2 millóns de euros e prevé beneficiar arredor de 130 empresas e formar a unhas 1.500 persoas traballadoras.
As axudas permitirán desenvolver cursos non regrados de entre 16 e 100 horas en ámbitos relacionados coa dixitalización, a xestión empresarial, a industria ou os servizos. Poderán solicitalas, entre o 2 de xuño e o 3 de agosto, empresas de calquera tamaño e autónomos con persoal contratado.
Os proxectos formativos poderán deseñarse “á carta”, adaptando contidos, profesorado e lugar de impartición ás necesidades de cada entidade. O programa suma xa máis de 500 cursos realizados desde a súa posta en marcha hai tres anos.•





