A iniciativa, apoiado pola Deputación de Lugo, promove o patrimonio natural, cultural e etnográfico do concello

O Concello de Quiroga presentou a terceira edición de Descubrir Quiroga, un programa turístico que se desenvolverá entre maio e outubro e que inclúe máis de vinte actividades orientadas a poñer en valor os recursos naturais, culturais e etnográficos do municipio. No acto participou a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen destacou a singularidade dun territorio situado “no corazón da Ribeira Sacra e do Xeoparque Montañas do Courel”, dous espazos que, segundo indicou, permiten ofrecer experiencias vencelladas á natureza, á identidade local e á gastronomía.
A presentación tivo lugar na Casa da Cultura e contou tamén coa presenza do alcalde, José Luis Rivera Castro; do tenente de alcalde, Vicente Parra; e dunha técnica municipal encargada de explicar o calendario de actividades. A programación arrincará este sábado cunha etapa polo Camiño de Inverno e continuará nos meses seguintes con propostas como rutas de sendeirismo, visitas guiadas a museos, actividades de aventura —entre elas barranquismo, parapente ou piragüismo—, un paseo nocturno interpretado, observación astronómica e unha visita a Montefurado.
A Deputación de Lugo colabora co programa, que se enmarca na súa aposta por un modelo turístico sostible e ligado ao territorio. García Porto subliñou que iniciativas como esta contribúen a xerar oportunidades económicas no rural sen perder a esencia do lugar. O Concello anima á veciñanza e visitantes a participar nunha edición que busca consolidar Quiroga como destino de referencia para quen procura experiencias auténticas e vinculadas ao patrimonio local.•





