
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo anunciou unha nova liña de axudas destinada ás ganderías que traballan con razas autóctonas galegas en perigo de desaparición. O Boletín Oficial da Provincia publicou as bases do programa Morenas, que inclúe subvencións para explotacións con animais das razas bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, así como para criadores de Ovella Galega e Cabra Galega.
O deputado Daniel García explicou que estas explotacións afrontan dificultades específicas pola escaseza de exemplares e pola dispersión territorial. Indicou que moitas delas funcionan en pastoreo ou en extensivo, contribuíndo á conservación da paisaxe e á produción de alimentos de alto valor engadido. “Representan un modelo produtivo moi ligado ao territorio e con capacidade para fixar poboación”, afirmou.
As axudas establecen 400 euros por femia bovina nacida en 2025 e inscrita no Libro Xenealóxico, e 70 euros por animal no caso do ovino e caprino. O prazo de solicitude abrangue do 21 de maio ao 4 de xuño, con formularios dispoñibles na web provincial. O programa complétase con outras iniciativas destinadas á Raza Rubia Galega e á promoción de produtos autóctonos mediante degustacións en feiras e mercados.•





