
A padexeira monfortina Noa Díaz volveu situar o Club Quixós e o piragüismo da comarca no escaparate internacional tras a súa participación no Campionato do Mundo sénior de augas bravas disputado en Banja Luka, en Bosnia Herzegovina. A deportista formou parte da selección española nunha cita na que competiron algúns dos mellores especialistas do panorama mundial sobre as augas do río Vrbas.
Na primeira xornada do campionato, correspondente á modalidade clásica, a representante do Quixós rematou no posto trixésimo sétimo da proba feminina de kaiak, nunha carreira marcada pola elevada esixencia técnica do percorrido e polo alto nivel das participantes. A competición continuou nos días seguintes coas probas de esprint, nas que Noa Díaz conseguiu dar un paso adiante e consolidar a súa progresión internacional.
A monfortina logrou clasificarse para as finais tanto en K-1 como en C-1 esprint despois de completar dúas mangas moi sólidas nas eliminatorias. A padexeira accedeu á loita polas medallas cunha destacada sétima posición entre medio cento de participantes, nunha clasificación na que só obtiveron praza as quince mellores deportistas.
Xa nas finais disputadas o sábado, Díaz asinou dous resultados destacados na categoría absoluta. En K-1 concluíu na duodécima posición, mentres que en C-1 terminou décima, rexistros que lle permitiron competir de igual a igual con deportistas moito máis experimentadas no circuíto internacional.
A destacada participación de Noa Díaz amosa a capacidade da piragüista para adaptarse ás condicións do río bosníaco e competir ao máximo nivel nun escenario de enorme dificultade técnica,
SARA INÉS VARELA, CUARTA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE KAYAK CROSS
Pola súa banda, a nova promesa do Quixós Sara Inés Varela, vén de participar no campionato de España de Kaiak Cros, clasificandose para a final na que foi cuarta, na que só a penalización por comerse a primeira porta da proba privouna de pelexar polo campionato.•





