
A Filmoteca de Galicia recuperou e restaurou cinco curtametraxes impulsadas polo produtor Víctor Ruppen, unha figura fundamental na consolidación dun cinema galego con vocación profesional durante os anos setenta. As novas copias dixitais de Fendetestas, Illa, O herdeiro, O cadaleito e O pai de Migueliño presentáronse o pasado 26 de maio na sala José Sellier da Coruña, dentro do ciclo Materiais para unha historia do cine en Galicia. O proxecto de restauración permitiu rescatar títulos realizados entre 1975 e 1977, rodados en formatos profesionais de 16 e 35 milímetros nun contexto de forte efervescencia cultural e política. A iniciativa desenvolveuse a partir da colaboración entre a Xunta e Filmoteca Española, entidade na que se conservaban os negativos orixinais da maior parte das obras. No caso de Illa, a redixitalización foi asumida integramente pola Filmoteca de Galicia. As intervencións centráronse na recuperación da calidade visual e sonora das fitas, garantindo ao mesmo tempo a súa conservación futura e facilitando o regreso destas películas ás salas en condicións renovadas. O traballo supuxo tamén unha posta en valor dun conxunto de creacións consideradas pioneiras na construción dunha identidade audiovisual galega afastada do ámbito amateur. As cinco curtas compartiron a vontade de filmar en galego e abordar cuestións sociais e culturais ligadas ao territorio. Entre elas figura Fendetestas, dirixida por Antonio F. Simón, sobre un salteador de camiños nos anos corenta; Illa, de Carlos A. López Piñeiro, centrada na transformación turística dunha illa; ou O herdeiro, de Miguel Gato, arredor do regreso dun mozo á aldea familiar. O ciclo completouse con O cadaleito, de Enrique Baixeras, e O pai de Migueliño, de Miguel Castelo. Víctor Ruppen, falecido en 2018, produciu sete películas e participou ademais en proxectos de distribución e exhibición cinematográfica. A súa aposta por formatos profesionais abriu novas posibilidades para cineastas galegos nun período no que a produción audiovisual buscaba ampliar a súa difusión e estabilidade.





