Entrevista a Roberto Castro

Falamos co alcalde de Ribas de Sil sobre o impacto da Festa da Cereixa, os orzamentos históricos do concello e o plan de cara á candidatura de 2027

O alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, defende un proxecto continuista de cara ás vindeiras eleccións municipais. Foto: Arquivo.

P: Cales son as expectativas para esta XXII edición da Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite, que se celebrará entre o 6 e o 7 de xuño? Cal vai ser o seu impacto a nivel económico e turístico?
R: A Festa da Cereixa intenta cumprir dous obxectivos: poñer en valor os nosos produtos agrarios e aproveitar para facer un programa de actividades diverso na contorna natural e no recurso turístico máis potente que ten este concello, que é a Praia Fluvial de San Clodio. Facemos unha festa de exaltación dos produtos, pero tamén coa finalidade de promocionar a Praia Fluvial de San Clodio e de conseguir que a xente que nos visita volva achegarse no verán unha fin de semana, que é cando máis se desfruta da praia, en compañía dos veciños. Despois de tantos anos, como aspecto positivo, é unha festa consolidada, humilde, pero con moita repercusión e afluencia. A parte negativa é que non hai relevo xeracional para estes produtores, e atopámonos cun problema de futuro que afecta a todo o medio rural galego, que é a falta de oportunidades, o avellentamento da poboación e a caída do censo demográfico. Estamos intentando combater iso con todas as armas que temos, pero ás veces faise realmente complicado. Non obstante, mantemos a ilusión do primeiro día e, ademais, cando se creou a figura do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, os concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel empezamos a ter un obxectivo compartido, e as festas de exaltación dos produtos agrarios teñen unha especial relevancia.

P: Que medidas se están tomando no evento para fomentar o relevo xeracional?
R: Para combater a falta de relevo xeracional teño moita confianza posta no futuro, pensando en toda a xente que vén de fóra. O proceso de regularización que se está facendo a nivel nacional crea unha bolsa de persoas que poden vir aquí e alugar unha vivenda barata; de feito, estamos facendo intentos para facer vivenda desde o concello que se poida alugar de forma económica. Aquí hai poucas oportunidades, pero hai as suficientes como para poder acoller xente, e esa xente que vén aquí, cun traballo, ten a posibilidade de gañar un complemento económico. Quitando o viño e un pouco o aceite, a cereixa non ten profesionais aquí; non hai ninguén en Ribas de Sil nin en Quiroga que viva exclusivamente da cereixa, pero si que hai xente que obtén un complemento adicional á súa actividade principal. Ese é o obxectivo que nos formulamos. É certo que sería o mundo perfecto chegar cunha empresa, comprar un terreo inmenso, plantar cerdeiras e que todo fose marabilloso, pero a realidade coa que te atopas non é esa. Entón, se ti tes aquí un soldo pequeno, cun alugueiro barato e complementos económicos deste tipo, podes vir aquí coa túa familia e deixar a cidade, na que é imposible vivir. Hai outra cousa moi recorrente, da que falamos todos, e é o teletraballo. Hai moita xente que se establece no medio rural e teletraballa, e pode sobrarlle algo de tempo as fins de semana para traballar nisto ou no mel, que tamén é un recurso importante que ten a súa máxima expresión na Feira do Mel de Quiroga, que se celebra en agosto. Entón, estamos traballando en construír un futuro mellor para os nosos fillos, e que se poida vivir aquí de forma cómoda e tranquila, cos recursos suficientes como para fuxir desa vida que hai nas cidades, que é terrible.

P: Os orzamentos aprobados en 2026 constitúen a cifra máis alta da historia do concello de Ribas de Sil e están diversificados en ámbitos como a mellora de infraestruturas básicas, áreas de lecer e deportes, mantemento de rúas e estradas, servizos sociais, etc. Que balance fai deste ano e medio na alcaldía, despois de relevar ao seu predecesor, Miguel Sotuela?
Que significa para vostede sacar adiante e aprobar estes orzamentos históricos para o concello de Ribas de Sil?

R: En 1998 empezamos a facernos cargo do labor de goberno deste concello. Miguel Sotuela era o alcalde e eu o seu tenente de alcalde. Entón, eu non empecei hai ano e medio completamente baleiro, senón cunha experiencia dilatada na xestión municipal. Miguel Sotuela deixou un concello absolutamente saneado, cun remanente de practicamente un millón de euros, e así é fácil facer moitas cousas. Non é o mesmo coller un concello completamente endebedado e con dificultades que coller un concello que, a nivel económico, está ben, e sempre dixen que este proxecto é continuísta. Iso non quere dicir que todo estea ben e sexa marabilloso; hai moito que facer e temos ese reto importante de conseguir que veña xente vivir aquí. Si que é verdade que se xuntan unha serie de circunstancias e, entre convenios coa Deputación e subvencións da Xunta, este ano podemos dispoñer dun orzamento de máis de dous millóns de euros, sendo a primeira vez que se supera esa cantidade. O máis importante destes orzamentos é a porcentaxe que se destina ao investimento e mellora de infraestruturas e servizos, que redundan nunha mellor calidade de vida para os veciños. Estamos falando duns investimentos totais de practicamente 800.000 euros que se van executar de aquí ao final da lexislatura, sen ter en conta que hai subvencións pedidas e tramitadas que aínda non sabemos se chegarán, pero seguro que haberá algunha que nos concedan. Despois, en xaneiro volveremos ter un Plan Único de 230.000 euros, que nos posibilitará comprometer máis investimentos. O que quería reflectir eran todos os investimentos que están asegurados, que se van executar de aquí a mediados do ano que vén e que intentan actuar en todas as parroquias e aldeas. Por outra banda, agora somos o primeiro concello de Galicia que está xestionando un monte en man común, debido ao falecemento dos comuneiros, e agora mesmo só vive unha parella nunha das aldeas dese monte. Entón, a Dirección Xeral de Montes ofreceunos a posibilidade de facernos cargo da xestión cautelar do monte, cun saldo de 90.000 euros, e que se podería distribuír en calquera outra zona, pero o meu compromiso é destinar o diñeiro que emana dese monte a investir no propio monte, co obxectivo final de que esta xestión provisional remate cando haxa comuneiros suficientes para constituírse en comunidade. O que estamos facendo é investir ese diñeiro para xerar os servizos necesarios para que calquera persoa se poida trasladar alí, traballar e ser comuneira.
P: Sobre o plantexamento de cara ás vindeiras eleccións municipais de 2027. Vaise presentar ás eleccións? Que premisas rexerán este proxecto continuísta do que falaba previamente?
R: Si, a miña intención é presentarme ás eleccións. Quen gañou as eleccións hai tres anos foi Miguel Sotuela, e a miña aspiración é que o pobo de Ribas de Sil aprobe a miña xestión nestes dous anos e medio que serán. Se aproban a miña xestión e teño o seu apoio, comprométome a seguir loitando con todas as miñas forzas polo benestar e a mellora dos servizos para toda a poboación deste concello.
Entón, teño decidido encabezar a lista, aínda que antes debo ter a aprobación do partido a todos os niveis; se ao partido lle parece ben, presentarei a miña candidatura.
O anterior alcalde e mais eu discutimos moito por investimentos que a min non me gustaban e a el si, e viceversa, pero sempre había consenso e poñiámonos de acordo, e non só entre nós, senón tamén cos concelleiros. Debatiamos moito, falabamos moito e tomabamos decisións, igual que ocorre agora cos novos concelleiros que se incorporaron.
Estas propostas de actuación que se van executar saen dun consenso dentro do equipo de goberno no que se explica que intencións hai e que ideas hai. Entre todos os investimentos destaco un, que non é tan importante pola cantidade senón pola súa relevancia. Con enerxía solar, imos iluminar unha aldea enteira que non ten alumeado público, nunca o tivo. É unha aldea que está neste monte do que falaba, e imos intentar innovar: faremos iluminación exclusivamente con enerxía solar. É a dotación dun servizo básico nun lugar no que nunca existiu. Despois, outro investimento significativo ten que ver con que haxa baños públicos na praia fluvial. Baños hai, pero están nun restaurante, e loxicamente ten un día de descanso e pecha en certos momentos da tarde, polo que os baños quedan pechados neses períodos. Polo tanto, vanse instalar uns baños públicos conectados ao saneamento nas inmediacións da praia fluvial, que tamén é importante.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O proxecto PENVITIS+ recibe case 600.000 euros para impulsar a viticultura sostible

Seguinte Nova

A recuperación dixital das curtas de Víctor Ruppen devolve á pantalla unha etapa clave do cinema galego

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Xabier Quiroga

O escritor do Saviñao vén de publicar Alguén ao lado, una novela fundada na conxugación de sentimentos fundamentales e idiosincrasia galega Falamos
Ir aInicio

Don't Miss