
O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria celebrará o próximo 20 de xuño a terceira edición da súa Ruta Cicloturista en Familia, unha actividade dirixida ao alumnado e ás súas familias coa que busca promover hábitos saudables e fomentar a convivencia fóra das aulas. O percorrido desenvolverase por camiños e sendeiros ata chegar á praia fluvial da Pobra de San Xiao, onde haberá un xantar de confraternidade.
A inscrición será gratuíta e realizarase por orde de chegada ata completar as cincuenta prazas dispoñibles. Os interesados deberán formalizar a súa participación na vicedirección do instituto. A saída contará coa colaboración de integrantes do club ciclista DHGTeam e cun coche de apoio durante o traxecto. Cada estudante terá que asistir acompañado dunha persoa adulta. O centro lembra ademais que o uso do casco será obrigatorio e que dispón dun servizo de préstamo de bicicletas.•





