A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración destinado a financiar actuacións en distintos puntos do municipio. O acordo ascende a 156.000 euros, dos cales a institución provincial achega 100.000 euros. López destacou que esta liña de cooperación “permite que concellos pequenos poidan acometer investimentos que doutro xeito serían difíciles de asumir e que teñen un impacto directo no benestar da veciñanza”.
Entre as intervencións previstas figura o acondicionamento da estrada de acceso a Figueiredo, na parroquia de Piñeira, cun investimento próximo aos 60.000 euros para mellorar drenaxe, firme e limpeza de cunetas. Tamén se actuará na Rúa do Sil, en San Clodio, onde se renovarán beirarrúas, pasos elevados e sinalización horizontal e vertical.
No ámbito da eficiencia enerxética, renovarase o alumeado público na aldea da Fraga e no paseo da praia fluvial. O convenio inclúe ademais a ampliación do saneamento en Barreiro e a renovación da condución de auga en Vilardonas. Parte dos fondos destinarase á adquisición de equipamento municipal e ao apoio a actividades culturais e deportivas no municipio.•





