O alcalde realizou o anuncio durante a inauguración das XIX Xornadas Xurídicas Román García Varela

As XIX Xornadas Xurídicas Román García Varela volveron situar Sarria no centro do debate sobre o futuro da Administración de Xustiza, cun programa que reuniu maxistrados, expertos e representantes institucionais arredor dos principais desafíos do sistema xudicial. A sesión inaugural correu a cargo do presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido, quen advertiu das “tensións moi intensas” que afronta a xustiza e apelou a preservar a confianza cidadá nas institucións.
O encontro deixou tamén unha noticia de alcance político local. Durante a súa intervención na Casa da Cultura, o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, confirmou que non concorrerá ás eleccións municipais de 2027. O rexedor sinalou que esta foi a súa última participación nas xornadas como alcalde e expresou a súa satisfacción por ter contribuído ao crecemento dun foro que se consolidou como referencia no ámbito xurídico estatal.
O anuncio chega meses despois do acordo alcanzado entre Camiña Sarria e o PP local, un pacto que xa apuntaba ao peche da etapa política da formación independente ao remate do actual mandato. A decisión abre agora un novo escenario na política municipal sarriá, mentres o certame continúa reforzando o seu prestixio coa participación das máis altas instancias da xudicatura española.•





