José Manuel Silva é unha das personalidades galegas con maior proxección internacional nos ámbitos da agricultura, o desenvolvemento rural

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, vén de anunciar que o chantadino, José Manuel Silva Rodríguez, coñecido como Cuqui Silva, será o encargado de pronunciar o pregón da oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo. O acto do pregón terá lugar na tarde do venres 3, coincidindo coa inauguración oficial do Festival do Viño no espazo do Malecón.
Nado en Chantada, Silva desenvolveu unha destacada traxectoria vinculada ao ámbito agrario e ás institucións europeas. Enxeñeiro agrónomo de formación, participou nas negociacións da adhesión de España á Comunidade Económica Europea e posteriormente ocupou distintos cargos de responsabilidade na Comisión Europea durante máis de tres décadas.
Ao longo da súa carreira estivo á fronte de departamentos relacionados coa agricultura, o desenvolvemento rural e a investigación, contribuíndo ao deseño de políticas comunitarias nestes ámbitos. Tras finalizar esta etapa profesional, regresou á Administración española e mantivo actividade en entidades científicas e tecnolóxicas.
O rexedor sinalou que a súa elección responde á vinculación do pregoeiro co mundo rural e cos valores asociados ao territorio. O programa do festival contará con participación de 27 adegas, propostas gastronómicas e actividades como catas, música en directo e rutas polos ríos Sil e Miño, consolidando o encontro como cita destacada no calendario estival.•





