Debuxante monfortino e apaixoado da caligrafía, constrúe a súa identidade artística na análise psicolóxica do rostro humano e o poder revelador do relato

P: Quen é Carlos Ferreiro? Como definirías a túa faceta como pintor?
R: Pois mira, eu non son pintor, son debuxante desde hai moito tempo. Son autodidacta, nunca fun a clases, pero debuxo desde sempre, sobre todo o retrato. Tiven unha primeira etapa hai anos, na que empecei a traballar o retrato, e como son bastante afeccionado á literatura, gustábame plasmar en debuxo os personaxes que lía. Isto materializouse nunha serie de exposicións en Lugo, Monforte e Santiago. Logo tiven un período no que non collín o lapis absolutamente para nada, e escribira unha especie de libro de debuxos para traballar cos rapaces na clase. Despois volvín pasar outra tempada sen coller o lapis, e hai 7-8 anos xa estou debuxando de novo, cos meus propios personaxes e plasmándoos como a min me gustaba; aquí é onde comeza o que é esta segunda etapa. Esta é máis ou menos a miña traxectoria resumida.
P: Para ti, que simboliza o feito de debuxar? Que significación ten o acto de poñerte diante dun papel e empezar a crear?
R: Os meus debuxos son en tamaño folio, e o que intento é que teñan tanto o debuxo como a caligrafía, é dicir, unir a pluma para escribir e o lapis para debuxar, aunar a caligrafía e o debuxo. Entón, nese debuxo hai un retrato determinado que está relacionado cun relato determinado dos que escribo. E despois, sempre traballar co branco e negro: o branco que che dá a folla e o negro que xa cho dá o lapis, e despois a gama de grises que sae e que che ofrecen os trazos específicos do debuxo. En todo caso, gústame facer fincapé na caligrafía, porque hoxe en día se está perdendo, estamos moi acostumados ao ordenador, e a caligrafía é unha arte auténtica. Pensa que a escritura dos países asiáticos e islámicos está convertida en arte, vese en todas partes. Creo que aquí temos un pouco relegada a nosa cualidade da escritura. É certo que as novas técnicas te van conquistando pola comodidade que ofrecen, pero deberiamos practicar a escritura un pouco máis, e sobre todo valorala.
P: A arte pode nacer da unión de varias disciplinas diferentes, no teu caso, o texto e o debuxo. Como concibes esta sinerxía? En que se nutren reciprocamente?
R: Pois mira, para o retrato pódenme valer calquera xesto. Por exemplo, estou vendo unha película e vexo un xesto determinado, pois conxelo a imaxe e saco unha fotografía para traballar con esa expresión que me proporciona. Tamén cando vas ao típico museo onde ves eses cadros enormes con infinidade de personaxes, a min atráenme moitísimo os personaxes secundarios que non chaman a atención de primeiras. Interésanme moito os pintores clásicos, que constrúen esta clase de personaxes semiesvaídos, e o cine en branco e negro, indubidablemente, gústame unha barbaridade, con ese contraste de luces que é o que fago eu practicamente. Entón, esa é a primeira parte do traballo: fago a foto, traballo con ela, e automaticamente este debuxo transpórtame a un relato meu. A partir de aí, un fragmento dese relato plásmoo enriba do debuxo, o que configura a unión entre o debuxo que fas e o relato co que o asocias, e esa asociación fragúase a través da escritura.
P: Na túa traxectoria artística demostraches unha predilección evidente pola expresividade do rostro humano. Que agocha o rostro humano para o artista? Cres que encerra unha verdade psicolóxica que quere ser debuxada?
R: Totalmente. Falando coa xente nas exposicións, cada persoa saca unha interpretación distinta de cada retrato. Moitas veces tes unha idea determinada do debuxo, e a xente que che dá a súa opinión descúbreche infinidade de posibilidades das que, ao mellor, non te decataras. Xamais esquecerei aquilo que dixo Carl Theodor Dreyer de que non hai nada no mundo que se poida comparar cun rostro humano, é unha terra sen explorar, unha paisaxe cunha beleza única. O rostro é unha paisaxe que che descobre a historia dunha persoa, e segundo o ilumines ou a expresión que teña, podes extraer infinidade de interpretacións. Gústame moito o expresionismo, aínda que en España non se cultiva moito, e desfrútoo en cada debuxo onde hai unha expresión determinada, cunha configuración de luces e sombras diferente.
P: Continuando co fío desas múltiples inferencias que se poden extraer ao observar un rostro humano, quería preguntarche sobre o branco e negro e o seu papel inferencial. O cor pode ser un elemento distractor, mentres que o branco e negro focaliza a atención na escena retratada. Ves esta funcionalidade do branco e negro ao traballar?
R: Agora hai moitísimos directores que están volvendo a filmar en branco e negro. O que ten o branco e negro é que traballas con dous cores e coa gama de grises que che ofrece, polo que podes sacar infinidade de interpretacións, e a luz inflúe unha barbaridade na fotografía. Sempre me atopei moi cómodo co branco e negro, nunca me chamou a atención a idea de botar man da cor. Gústame indubidablemente velo, pero practicalo non, e é moi sinxelo para min porque traballo con dous ou tres lapis, ademais do lapis de grafito co que escribes o texto por enriba. Traballo con moi pouca cousa: unha goma de borrar, difuminos, incluso coas propias mans. Cando te pos a traballar non tes nada premeditado sobre que material vas utilizar, iso cho vai dando o propio debuxo. Entón, para difuminar podes empregar os dedos, un pano, un difumino, unha sombra que tes que facer máis ou menos intensa… todo iso cho vai pedindo instintivamente o debuxo. Con poucas cousas podes facer o que che dea a gana. É moi curioso, o rostro humano dá moito de si.•





