O galardón recoñece o labor de recuperación das variedades autóctonas e o arraigo do produto en Quiroga

O aceite de oliva virxe extra Autóctono Mansa e Brava, elaborado pola empresa Ouro de Quiroga, foi recoñecido co premio “Excelencia Terra” na duodécima edición dos Premios Galicia Alimentación, organizados polo Clúster Alimentario de Galicia. A entrega celebrouse esta mañá no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, onde se destacou o arraigo territorial dun produto que recupera unha tradición histórica na comarca quiroguesa.
O fundador da firma, Julio Zarauza Quiroga, agradeceu o galardón lembrando “a Guillermo, Xenxo e Piñeira, que a finais do século pasado loitaron para que non se perdera a tradición oliveira que viña de antergo na comarca de Quiroga e que por desgraza xa se perdera noutras partes de Galicia”. O aceite está elaborado a partir de oliveiras centenarias das variedades mansa e brava, recuperadas e postas en produción nas últimas décadas.
O produto foi tamén recoñecido recentemente cun Gran Ouro no certame internacional CINVE, no que participan aceites de España e doutros países, reforzando así o seu posicionamento entre os AOVEs máis destacados do panorama actual. Para a empresa, este novo premio supón un impulso á aposta pola calidade e pola valorización dun produto identitario das terras de Quiroga, favorecidas por un microclima singular e chans fértiles.
O Consello Superior de Investigacións Científicas determinou hai máis dunha década que as variedades mansa e brava son únicas e autóctonas, cun perfil organoléptico propio e non recollidas no Banco Mundial de Germoplasma de Olivo con sede en Granada, o que reforza o carácter singular deste aceite.•





