
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado por membros do goberno local, presentou este sábado o cartel e a programación da oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo de 2026 no Paseo do Malecón. O rexedor definiu o encontro como “unha proposta diferente cun amplo programa de actividades que xiran arredor do viño, auténtico protagonista do evento”.
Tomé destacou que o Festival se consolidou como “un evento de referencia en Galicia e mesmo fóra das nosas fronteiras”, converténdose nunha das principais plataformas de promoción do territorio e da súa cultura vitivinícola. O recinto manterase á beira do río Cabe, un espazo pensado para favorecer a convivencia e o lecer.
Nesta edición participarán 27 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, representativas das distintas subzonas. O alcalde agradeceu “a implicación e a aposta firme das adegas”, que permiten mostrar a diversidade e calidade dos viños da comarca.
O cartel oficial inspírase na paisaxe e na historia da Ribeira Sacra, con liñas onduladas que evocan socalcos, ladeiras e ríos, e incorpora un código QR para consultar a programación completa. O recinto manterá a estética das últimas edicións, con stands de madeira, zonas de sombra, xardíns verticais, wifi aberto e tótems informativos.
A oferta gastronómica contará con doce propostas de produtos locais, mentres que a programación musical incluirá actuacións de Xograres de Lemos, A Roda e Galifunk. O programa completarase con catas temáticas, unha masterclass impartida por Jonas Tofterup, actividades infantís e as tradicionais ViñoRutas polo Sil e polo Miño.•





