
O Concello de Monforte presentou o cartel que promocionará as Festas Patronais de 2026. A obra elixida, titulada Luz de Fada, é creación de Jessica Denise Bazaes Latrille, residente no Saviñao.
O concurso reuniu 40 traballos, o dobre que na edición anterior. O xurado valorou unha composición que reúne algúns dos elementos máis recoñecibles da cidade, entre eles a Virxe de Montserrat, a Ponte Medieval, San Vicente ou a cúpula dos Escolapios.
A autora explicou que a súa intención foi reflectir “a alegría e a maxia” das celebracións, pero tamén a importancia da tradición, da memoria colectiva e do sentimento de pertenza. O traballo premiado recibirá 1.000 euros e poderá verse xunto ao resto das obras participantes nunha exposición en agosto.•





