O proxecto afecta a case 53 hectáreas e incorpora máis solo empresarial entre a LU-P-3205 e o regato do Carballal. O Concello inicia a tramitación dunha modificación clave para responder á demanda de espazo industrial

O Concello de Monforte iniciou a tramitación urbanística para regularizar e ampliar o polígono industrial do Reboredo, unha actuación coa que busca responder á falta de parcelas dispoñibles e facilitar o crecemento das empresas asentadas. O proxecto de modificación das Normas Subsidiarias será levado a aprobación inicial nun pleno extraordinario.
A proposta afecta a case 53 hectáreas situadas xa integramente no termo municipal monfortino, tras a resolución favorable do deslinde con Sober. Dese ámbito, 36,66 hectáreas corresponden ao parque empresarial actual e outras 16,57 á ampliación prevista entre a estrada LU-P-3205 e o regato do Carballal. O documento foi elaborado por Oficina de Planeamento por encargo do Concello.
A nova ordenación actualiza unhas normas de 1981 e adapta o polígono ás necesidades actuais. O plan contempla aproveitamentos empresariais, espazos dotacionais e zonas verdes, concentradas na contorna do Carballal polas limitacións da protección hidráulica. Segundo o goberno local, esta solución permitirá compatibilizar ampliación industrial e conservación ambiental.
Tomé lembrou que o Reboredo recibiu nos últimos anos melloras en viarios, iluminación, saneamento, rúas e espazos públicos, actuacións que favoreceron a ocupación de case todo o solo dispoñible. Para impulsar a ampliación, o Concello solicitou á Deputación a cesión de terreos próximos á estación de servizo e deberá completar unha pequena expropiación.
Coa modificación urbanística, o ámbito incorporará máis de 165.000 metros cadrados entre novas parcelas industriais e zonas verdes. Tras a aprobación inicial abrirase un período de información pública de dous meses e solicitaranse informes sectoriais. O Concello calcula que, se non hai incidencias, a tramitación poderá completarse nun ano.
O alcalde defendeu a ampliación como actuación estratéxica para Monforte e a comarca, ao permitir que empresas implantadas poidan medrar e que cheguen proxectos. Tamén vinculou o novo solo coa creación de emprego, a fixación de poboación e o reforzo económico local.•





