A xornada analizará as dificultades do mercado residencial e as súas consecuencias para o desenvolvemento do territorio

O Parador de Turismo de Monforte será escenario o próximo 19 de xuño do Foro sobre a Vivenda na Ribeira Sacra, unha iniciativa promovida por Ribeira Sacra Next, a Confederación Empresarial de Ourense e a Confederación de Empresarios de Lugo. As entidades organizadoras consideran que a escaseza de inmobles dispoñibles para alugueiro ou compra está a condicionar a chegada de novos profesionais, a creación de emprego e a fixación de poboación. Entre os asuntos que se abordarán figura tamén a situación das vivendas baleiras e as posibilidades para incorporalas ao mercado residencial.
A programación estrutúrase en cinco mesas de traballo nas que participarán especialistas en urbanismo, economía, desenvolvemento territorial, promoción inmobiliaria e representantes das administracións. Ademais do diagnóstico da situación actual, os participantes debaterán sobre instrumentos de actuación, fórmulas de colaboración institucional e posibles acordos para impulsar unha estratexia común que contribúa a mellorar a oferta de vivenda na Ribeira Sacra.•





