O Hospital de Monforte participará na nova fase do proxecto Xenoma Galicia

As extraccións de sangue realizaranse os días 16 e 17 de xuño nunha iniciativa que busca detectar variantes xenéticas asociadas a enfermidades hereditarias

A Xunta iniciará o 16 de xuño a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia no distrito sanitario de Monforte de Lemos. Foto EV.

O Hospital Público de Monforte converterase a próxima semana nun dos puntos de recollida de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Sanidade para avanzar na identificación precoz de factores xenéticos relacionados con determinadas enfermidades hereditarias.
A participación realizarase mediante invitación aleatoria. Nas últimas semanas, o Sergas comezou a remitir mensaxes SMS a veciños dos distritos sanitarios de Monforte e da Mariña para ofrecerlles a posibilidade de formar parte do estudo. A través da aplicación Sergas Móbil, as persoas seleccionadas poden reservar cita para a extracción de sangue.
No caso da capital da comarca de Lemos, as tomas de mostras desenvolveranse os días 16 e 17 de xuño no hospital monfortino, en horario de tarde. O persoal sanitario facilitará información sobre o procedemento aos participantes, que non precisarán acudir en xaxún.
O obxectivo desta fase é reunir 207 participantes entre ambos os dous distritos sanitarios lucenses. As análises permitirán estudar variantes xenéticas vinculadas ao cancro hereditario de mama e ovario, á síndrome de Lynch e á hipercolesterolemia familiar, ademais de ampliar o biobanco asociado ao proxecto.
Segundo os datos facilitados pola Xunta, as fases piloto desenvolvidas anteriormente permitiron identificar 28 persoas portadoras de variantes consideradas de alto risco. A partir destes resultados, os especialistas poden ofrecer seguimento individualizado, recomendacións preventivas e orientación para o estudo doutros membros da familia.
O proxecto Xenoma Galicia conta cun investimento de 20 millóns de euros e aspira a recompilar información xenética de 400.000 galegos. Coordinado pola Consellería de Sanidade e dirixido pola Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o programa pretende impulsar novas estratexias de prevención, detección temperá e medicina personalizada no sistema sanitario público. A incorporación do hospital monfortino permite achegar este proceso á poboación do sur lucense e facilita que as persoas convidadas poidan participar sen desprazamentos a outros centros sanitarios.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Alfonso Villares volve á primeira liña política como delegado da Xunta en Lugo

Seguinte Nova

Monforte licita novas melloras viarias en Piñeira por máis de 280.000 euros

Últimas noticias sobre SAÚDE

Ir aInicio

Don't Miss