
O cineasta Oliver Laxe visitou o Pazo de Tor nunha actividade incluída no programa Comunidade Museo, promovido por Sacra Experience coa colaboración da Rede Museística Provincial. O director de Sîrat participou nun obradoiro centrado na creación audiovisual e aproveitou a súa estadía para coñecer os distintos espazos históricos do inmoble monfortino.
Durante o percorrido, os responsables da Rede Museística presentáronlle diferentes actuacións desenvolvidas nos últimos anos para ampliar o relato histórico do pazo, entre elas a recuperación de dependencias vinculadas ao servizo doméstico, incorporadas agora ao itinerario expositivo.
A visita serviu tamén para reforzar a relación do Pazo de Tor co mundo do cine. Desde a Deputación destacaron o valor destas iniciativas para converter o museo nun lugar aberto á creación, á formación e ao intercambio cultural. A programación continuará o 18 de xullo cun encontro protagonizado polo actor Sergi López.•





