
As Xornadas do Románico de Pantón abriron unha nova edición cun feito inédito na súa traxectoria: a presentación oficial celebrouse fóra do municipio por primeira vez en 37 anos. O acto tivo lugar no Museo de Arte Sacra das Clarisas, en Monforte, diante das imaxes procedentes da igrexa de San Fiz de Cangas que se conservan neste espazo por motivos de protección patrimonial.
Representantes do Concello deron a coñecer unha programación que combina música, divulgación histórica, cinema e visitas culturais. Entre as propostas destacan actuacións en templos románicos, a proxección de curtametraxes vinculadas á Ribeira Sacra e a presentación dos traballos de restauración das pinturas murais do mosteiro do Divino Salvador.
A iniciativa estenderase ata mediados de xullo e manterá como escenarios principais diferentes monumentos do concello. O cartel toma como referencia un elemento arquitectónico de San Fiz de Cangas. •





