
As obras de urbanización da Zona D e de renovación do Parque dos Condes continúan avanzando en Monforte mentres o Concello defende que a actuación non reducirá as zonas axardinadas. Durante unha visita aos traballos, o alcalde, José Tomé acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada. presentou un informe comparativo co que pretende aclarar o impacto da intervención sobre os espazos verdes do recinto.
Segundo explicou o rexedor, o estudo analiza a superficie destinada a xardín antes do inicio das obras e a prevista unha vez rematada a remodelación. O documento indica que o ámbito afectado contaba inicialmente con máis de 1.100 metros cadrados distribuídos en diversos parterres de formas irregulares, combinados con camiños peonís e áreas de tránsito.
Tomé sostén que a nova configuración manterá o carácter paisaxístico do parque e permitirá incrementar a superficie de céspede respecto á existente con anterioridade. A actuación que está a levar a cabo o concello inclúe a polémica instalación dunha fonte ornamental con espectáculos de auga e luz, así como un paseo perimetral destinado ao uso peonil.•





