As axudas poderán solicitarse ata o 10 de xullo e chegarán aos 12.000 euros. A Deputación de Lugo reforza con 400.000 euros o apoio á gandería extensiva

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo abre unha nova convocatoria do programa O Que Non Arde, unha liña de axudas destinada a apoiar a gandería extensiva e o seu papel na xestión do monte. A sétima edición conta cun orzamento de 400.000 euros e está dirixida a explotacións de gando ovino, cabrún, porcino e cabalar.
As solicitudes poderán presentarse ata o 10 de xullo. As axudas financiarán investimentos vinculados ao manexo do gando en pastoreo, como pastores eléctricos, baterías, placas fotovoltaicas, valados móbiles ou fixos, refuxios, curros, mangas de manexo, comedeiros, bebedeiros, pasos canadenses e colares intelixentes para monitorizar os animais.
O deputado de Rural, Daniel García, defendeu que o programa permite acompañar un modelo produtivo que fixa actividade no territorio e contribúe á prevención dos incendios. Segundo indicou, trátase de apoiar ás ganderías que realizan un traballo esencial na redución da biomasa e no mantemento da paisaxe. Tamén destacou que a convocatoria foi incorporando novas ferramentas demandadas polo sector, entre elas os sistemas de control mediante colares intelixentes.
As contías poderán chegar aos 6.000 euros por beneficiario e elevarse ata os 12.000 cando os proxectos inclúan pasos canadenses ou dispositivos de monitorización. As bases simplificáronse para axilizar a tramitación e favorecer a entrada de novas persoas solicitantes. Neste sentido, a convocatoria outorga puntuación adicional ás ganderías que non recibiron axuda na anualidade de 2025.
O Que Non Arde botou a andar en 2020 cunha primeira orientación centrada na limpeza e xestión das faixas vinculadas á rede viaria municipal. Ao ano seguinte, abriu unha liña específica para comunidades de montes e pastoreo preventivo. Nas últimas edicións consolidouse como apoio directo á gandería extensiva, especialmente en explotacións que contribúen ao aproveitamento de zonas de monte e á conservación da biodiversidade.
Na convocatoria do ano pasado concedéronse 72 axudas a ganderías de diferentes comarcas lucenses. Co orzamento previsto para 2026, a Deputación suma xa 1.145.000 euros mobilizados dentro deste programa. A iniciativa recibiu recoñecementos en foros especializados e por entidades vinculadas á defensa da gandería extensiva como ferramenta de xestión territorial e prevención fronte aos lumes forestais.•





