
A Denominación de Orixe Ribeira Sacra anunciou a incorporación da bodega Envínate, un paso que o Consello Regulador considera estratéxico dentro da súa nova orientación cara á excelencia e á proxección exterior. A adega, recoñecida polo seu traballo en territorios de montaña e pola defensa das variedades autóctonas, exporta actualmente a máis de corenta países e destaca pola súa aposta por viños ligados ao territorio.
Desde a DO sinalan que esta integración responde ao compromiso adquirido polo equipo directivo de sumar aquelas adegas que, malia elaborar dentro da área amparada, permanecían fóra da denominación. O obxectivo é avanzar cara a unha estrutura máis cohesionada e representativa, reforzando a identidade común da Ribeira Sacra nun contexto de crecente visibilidade internacional.
O Consello Regulador mantén conversas con outras adegas en situación similar, entre elas Sílice, cuxo recoñecemento en mercados esixentes a sitúa como interlocutora natural neste proceso. A entidade considera que a experiencia destas bodegas pode contribuír a consolidar unha orientación baseada no alto valor engadido e na especialización vitivinícola.
Envínate expresou o seu apoio á nova etapa, afirmando que “se están dando as condicións dentro do Consello Regulador para que a nosa aposta polos viños da Ribeira Sacra volva a participar plenamente na denominación”. Engaden que é “o momento de sumar entre todos e seguir falando no mundo da grandeza da Ribeira Sacra”.
Coa chegada de Envínate, a DO Ribeira Sacra reforza a súa estratexia de futuro, centrada en potenciar o territorio e en avanzar cara ao lugar que aspira ocupar entre as grandes denominacións europeas.•





