
A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) reuniu nos últimos días a súa Xunta Directiva para avaliar o informe técnico que desaconsella a inscrición da Paisaxe da Auga na Lista do Patrimonio Mundial. A entidade lembra que a recomendación de “non inscribir a Paisaxe da Auga da Ribeira Sacra na Lista” coincide coas advertencias que xa trasladaran desde o inicio do proceso, cando alertaran de que a proposta se elaborara sen contar coa participación real da veciñanza.
Segundo a Federación, o organismo internacional actuou con criterios profesionais e puxo de manifesto que o expediente priorizou aspectos externos fronte ao rigor científico. A FEARS considera que a ausencia de voces críticas e a falta de integración de especialistas independentes contribuíron ao resultado negativo. Tamén sinala que concellos e Goberno central mantiveron o seu apoio á estratexia da Xunta mesmo despois de coñecer as observacións formuladas polo ICOMOS.
A entidade lembra que remitiu á UNESCO un documento propio no que recollía alegacións sobre o procedemento e sobre diversos problemas estruturais da zona, como o despoboamento, a perda de actividade agrícola tradicional, a insuficiencia de servizos públicos e determinadas presións ambientais. A FEARS afirma que o feito de que o informe recomende integrar opinións críticas avala o traballo realizado polas máis de cincuenta asociacións que representa.
A decisión final sobre a candidatura será adoptada polo Comité do Patrimonio Mundial a finais de xullo. Con todo, desde a dirección da Federación consideran que a declaración podería xerar máis dificultades ca beneficios, ao entender que o territorio non dispón das infraestruturas nin da planificación necesarias para asumir un incremento de visitantes.
A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra defende que este escenario debe servir para repensar o futuro da Ribeira Sacra e anuncia a preparación dunha publicación con achegas especializadas, así como a convocatoria da súa sétima Asemblea no mes de outubro.•





