A sesión musical correrá a cargo de Ortiga e Natalia Ferviú , que ofrecerán un DJ set conxunto pensado para acompañar o solpor entre viñedos

As Noites Méndez‑Rojo celebrarán o venres 3 de xullo a súa terceira edición consecutiva, consolidándose como unha das propostas culturais máis singulares do inicio do verán na Ribeira Sacra. O encontro desenvolverase entre as 21.00 e as 23.30 horas na terraza de Vía Romana Adegas e Viñedos, en Belesar, nun formato que aposta pola proximidade e polo coidado de cada detalle.
A organización anuncia que a sesión musical correrá a cargo de Ortiga e Natalia Ferviú, que ofrecerán un DJ set conxunto pensado para acompañar o solpor entre viñedos. A proposta combina música en directo, gastronomía local e viños da familia Méndez‑Rojo, configurando unha experiencia que busca poñer en valor o territorio e o seu carácter estival.
O evento está concibido como unha cita de aforo limitado, cun espazo preparado para favorecer a conexión entre público, paisaxe e creación artística. A programación inclúe unha selección gastronómica con produtos da zona e a posibilidade de gozar do contorno nun ambiente íntimo.
Desde a organización subliñan que “Noites Méndez‑Rojo non é só un concerto: é un encontro coa terra, co viño e coa emoción que só proporciona a música nun entorno único”.
As entradas poden adquirirse exclusivamente a través da web mendezrojo.com ata o 1 de xullo ás 23.59 horas. Con esta nova edición, o ciclo reafirma a súa aposta por unir cultura, territorio e experiencias diferenciadas arredor do viño.•





