
O Concello de Chantada confirmou a renovación da subvención que garante un ano máis o funcionamento do Centro de Información á Muller, servizo que ofrece atención xurídica e psicolóxica gratuíta a mulleres e persoas LGTBI. O CIM, operativo desde 2001 no Edificio Multiusos, centra parte do seu labor no apoio a vítimas de violencia de xénero e na promoción da igualdade mediante campañas e accións preventivas. A concelleira Pamela Fernández destacou que “o CIM desenvolve un intenso traballo cos centros educativos e nas políticas de conciliación”. O servizo atende consultas de ámbito social, civil e familiar.•





